Muller terra: a procura da sanación feminina
FÁTIMA BERMEJO
Se fora preciso as mulleres pintarán o azul do ceo nos muros dos cárceres. Se as madeixas se queiman, fiarán outras. Se a colleita se destrúe, botarán de contado novas sementes. As mulleres debuxarán portas onde non as hai e as abrirán e cruzarán para entrar en novos xeitos e en novas vidas. As mulleres perseverarán e prevalecerán porque a natureza persevera e prevalece.
O obxectivo primordial da civilización é desligarnos da nosa esencia. E a expresión clara desta ruptura é a imaxe do corpo feminino na sociedade moderna. Hai tempo que a individualización da sociedade veunos despoxar do apoio comunitario que outrora fora esencial para manternos ligadas á herdanza da sabedoría feminina ancestral. Este aillamento, xunto á autoimaxe desvirtuada coa que temos medrado, alimenta a falta de control da muller sobre o seu propio corpo.
Nesta orde social é mais doado converter a menstruación nun tabú, o aborto en algo que agachar, o “síndrome premenstrual” nunha enfermidade mental, instituír o parto artificial e a cesárea sistemática, facer da histerectomía unha solución terapéutica, até chegar aos novidosos inventos “progresistas” como a medicación para a desaparición do ciclo, sempre “en prol do benestar da muller produtiva,” sempre en contra da súa propia natureza.
Asumimos que iso é o bon, pois é sinónimo de progreso e de desenvolvemento científico, até o punto de non atopar límites na submisión a esta “ciencia” que nega o que somos. Non é preciso xa queimar meigas, pois a nosa esencia rebelde hai tempo que ficou sometida. E procuramos esquecer o que realmente é a agresión aos corpos das mulleres: “un ataque de longo alcance ás que as precederon e ás que as han suceder”.
O dominio sobre o corpo e a psique da muller non é casual nin gratuito: negar a natureza feminina é fundamental para que o inmobilismo social prevaleza, pois é precisamente o cambio o principio básico que opera no universo de xeito permanente. O que somos, a nosa natureza salvaxe innata, debe ser reeducada, e para iso é indispensable domesticar corpo e mente: A natureza salvaxe xamáis avogaría pola tortura do corpo, a cultura ou a terra (…) xamáis accedería a vulnerar a forma para demostrar valor, “dominio” e carácter ou para ser máis visualmente agradable ou máis valiosa desde o punto de vista económico.
Se a saúde é o noso estado natural, que acontece co feito de desligarnos da nosa natureza? As mulleres que non se expresan son mulleres psíquicamente mortas. Adoecen da súa creatividade, do seu sentido de ser. E se a psique enferma, entón resulta moi dificil, cando non imposible, crear ou moverse cara algures.
Defender a expresión creativa, espertar a psique feminina profundamente ferida, significa entender cal é a causa real da nosa desesperanza. E para iso cómpre recoñecer a dor, darlle o lugar que merece, pois o noso fondo malestar é unha chamada ao cambio real. Sanar a psique, a alma ferida, pasa por escoitar esa chamada interna da natureza salvaxe. Difícil será recuperar a vida sen voltar a ese lugar de orixe, sen seguir os pasos da Loba.
Negada a nosa esencia salvaxe, a terra, igual que nós mesmas, deixa de ser considerada un ser vivo e convértese en mercadoría. Así como é dentro, é fóra; así como no persoal acontece no social: aceptamos que a natureza sexa mudada e devastada. E afastadas da solidariedade e do apoio colectivo, da calor emocional que nos alimenta, mudamos vida por sobrevivencia.
Mais a natureza salvaxe distínguese pola súa capacidade de resposta, polo seu empeño en seguir adiante. Non vale con sobrevivir, é preciso medrar. É por iso que a sabedoría interna aléntanos constantemente a gañar o perdido. E gañar para nós significa gañar o noso corpo, gañar a nosa capacidade creativa, gañar o noso medio natural, gañar xeitos de expresión que vivamos como propios e non impostos…
Cando as mulleres falan desde a súa natureza instintiva, falan do que realmente importa. As mulleres sabias escóitanse a sí mesmas: asumen a importancia do que sinten e fano valer.
Falemos por tanto do que nos importa: admitamos que precisamos sentirnos donas do noso corpo e enchelo de ánimo, porque necesitamos sentir o seu poder interior, o fundamento da nosa existencia. Aceptemos o valor da nosa creatividade, espertemos a nosa psique ferida. Asumanos que a pescuda constante, a necesidade vital de crear/criar, de sentir e expresar o que somos, é o camiño primordial para espertar os nosos corpos e almas durmidas, para loitar en calquera dirección que nos faga libres, sanas e auténticas.
A forza da natureza está en que é verdadeira. E a forza do noso corpo está na súa propia natureza. Non queremos corpos domesticados, nin canon algún de beleza externo nin imposto, como non desexamos habitar unha terra domesticada até o límite da sobrevivencia.
Somos parte dunha terra que coma nós, está a ser devastada. Por iso a súa defensa forma parte da loita pola nosa necesidade innata de vivir (que non de sobrevivir).
Xunto á busca da nosa esencia instintiva precisamos do medio natural ao que pertencemos –non como medio económico dun sistema destrutor baseado na produción sen límites, se non como o colo materno rico e diverso do que somos parte– para liberarnos dun mundo imposto e non real.
A nosa dor é metáfora da nosa nai ferida. Liberarnos é liberala. Loitar por ela é loitar por nós mesmas. Sanándonos, sanámola.
As citas foron tiradas da obra de Clarissa Pinkola-Estés Women Who Run With the Wolves. Hai edición en castelán: Mujeres que corren con los lobos, Ediciones B, Barcelona, 1998.
|
|
Sociedad enferma
Miguel Amorós
Forzas Eskizoá:
Nada máis nacer comezan a corrompernos
Laura
Cita
serxio
Versos
Jorge Moro
No nome da ciencia
Sakti
El representante de la Casa de Piensos Compuestos
Pedro García Olivo
Apuntamentos a favor da desviación e da anomalía nesta sociedade enferma
DERRADEIRA CIDADE
Muller terra: a procura da sanación feminina
Fátima Bermejo
Transgênicos nas comunidades indígenas peruanas
Alejandro Argumedo
Naturaleza devastada
Félix Rodrigo Mora
Do que se cría
Matosende
Quiero señalar...
Teresa Rodríguez
GRANDE HOSPITAL MUNDIAL
DAVID BRUZOS
A Pobreza, Unha Enfermidade do Capitalismo
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL
CAPITALISMO, HAMBRE, SALUD
OTTO MÁS
El bastón y la serpiente
Alberto Domínguez
Morte violenta nas beiras do mundo rico
Benito Alonso
We all live in a yellow submarine
Marcos Abalde Covelo
Santísima trindade
MINUX
A limpeza enferma
Manolo Rei
DEL DIARIO DE UN DECEPCIONADO
RAFAEL BECERRA
Impacientes do mundo unídevos!
Emma Dourado
Estamos enfermos ou simplemente non estamos?
Rebeca Baceiredo
Comunicar-se no barulho urbano
antipanfleto
A enfermidade do medo
Eliseo Fernández
Antivirus
Paulo Hortak
Tirado do “Retrato do home civilizado”
Emil M. Cioran
ACHEGAS GRÁFICAS |