Estamos enfermos ou simplemente non estamos?
Rebeca Baceiredo
Tell me who are you this time? Tom Waits
É frecuente atoparse con discursos progresistas, superficial ou externamente, e profundamente reaccionarios, a nada que se rañe coa unlla. A que se debe tal proliferación de contradicións entre as capas ónticas de quen os emite?
Os tempos da represión, enfocada cara un óptimo funcionamento social e mantida no obxectivo prioritario de constrinxir as pulsións básicas, finalizaron hai uns lustros, caducando a enfermidade freudiana por antonomasia, a neurose. O poder das sociedades modernas atopara efectiva a emisión de mensaxes a un suxeito unitario, estruturado a partir das conviccións que tal poder consideraba necesarias para a súa propia perpetuación. A persuasión articulábase nos fíos dun discurso vehemente pero calmo que intentaba –e xeralmente conseguía– empapar e redefinir intencionalmente os procesos lóxicos do receptor.
Na cola da modernidade, os procesos semióticos, polo tanto, os procesos de poder, xiraron unhas voltas. E coma no sistema dos parafusos, córrese o risco de pasarse de rosca… O suxeito fragmentado, tan característico da posmodernidade, non se percibe reprimido nas súas pulsións, pola contra, constata a sobreexcitación do seu eros e do seu tánatos, como ben apunta Franco Berardi (Bifo)[1]. Isto, ademais de incrementar unha falaz sensación de liberdade, que o enganado suxeito posmoderno non se cansa de berrar, vai apoiado polo incremento da velocidade dos items informativos (que xa non discursos). Así, o (bio)poder invade o corpo do individuo.
Por unha banda, ao deixar de apelar ao razoamento (aínda que dirixido) e de coaccionar a mente e/ou o corpo, o poder deixa de supor un principio de autoridade externa e, porén, revístese dun cariz amigable que penetra no subconsciente con relativa facilidade.
Por outra, prescindindo das conexións lóxicas, o problema do individuo non é xa o dun ego reprimido enfermo de neurose, senón o dun id e un supereu que se manteñen feblemente enlazados grazas aos ímprobos esforzos dun ego minimizado pola ausencia de consciencia na elaboración dos inputs recibidos.
Esas limitacións nas conexións semióticas, a falta de elaboración crítica ou selectiva nos contactos comunicativos, son ben relacionadas cos procesos esquizofrénicos, de idénticos síntomas (Bateson), co que o suxeito posmoderno, tan larvario, tende a manterse nun estado psicótico, máis ou menos latente. Pero ademais, este ego atenuado pola inexistencia de contido segue a ter, por inercia, a necesidade vital de encherse: a iso se deben os constantes intentos de dominación, mediante a obxectivación ou instrumentalización incesante e enfermiza de situacións e persoas… Todo por unha estruturación perdida, só recuperable a base dun traballo interior que non se está disposto a realizar e que permitiría, non situarse de novo no espazo moderno, senón dar un paso cara adiante, cara novas formas sociais.
As micropercepcións das que falara Deleuze, terreo dos tan diversos eus locais que nos constitúen e emitidas por intereses que se lucran pulsando o dispositivo sexo-violencia, afástanse cada vez máis dos discursos oficiais e politicamente correctos que resoan espectralmente tan ao lonxe. Por isto é ben difícil manter unha certa congruencia, xa non ética, concepto en extinción, senón ontolóxica. Por isto é tan difícil facer unha revolución… cando talvez houbese que empezar polas microrrevolucións.
[1] “Patologías de la hiperexpresión”, Archipiélago, nº76, Psicología crítica. Entre el malestar íntimo y la miseria social, Barcelona, novembro-decembro 2007.
|
|
Sociedad enferma
Miguel Amorós
Forzas Eskizoá:
Nada máis nacer comezan a corrompernos
Laura
Cita
serxio
Versos
Jorge Moro
No nome da ciencia
Sakti
El representante de la Casa de Piensos Compuestos
Pedro García Olivo
Apuntamentos a favor da desviación e da anomalía nesta sociedade enferma
DERRADEIRA CIDADE
Muller terra: a procura da sanación feminina
Fátima Bermejo
Transgênicos nas comunidades indígenas peruanas
Alejandro Argumedo
Naturaleza devastada
Félix Rodrigo Mora
Do que se cría
Matosende
Quiero señalar...
Teresa Rodríguez
GRANDE HOSPITAL MUNDIAL
DAVID BRUZOS
A Pobreza, Unha Enfermidade do Capitalismo
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL
CAPITALISMO, HAMBRE, SALUD
OTTO MÁS
El bastón y la serpiente
Alberto Domínguez
Morte violenta nas beiras do mundo rico
Benito Alonso
We all live in a yellow submarine
Marcos Abalde Covelo
Santísima trindade
MINUX
A limpeza enferma
Manolo Rei
DEL DIARIO DE UN DECEPCIONADO
RAFAEL BECERRA
Impacientes do mundo unídevos!
Emma Dourado
Estamos enfermos ou simplemente non estamos?
Rebeca Baceiredo
Comunicar-se no barulho urbano
antipanfleto
A enfermidade do medo
Eliseo Fernández
Antivirus
Paulo Hortak
Tirado do “Retrato do home civilizado”
Emil M. Cioran
ACHEGAS GRÁFICAS |