Grande Hospital Mundial
David Bruzos

Intuitivamente, cada quen de nós, temos unha idea acerca do noso estado de saúde ou enfermidade, tanto física como mental. Esta visión da saúde propia pode ser máis ou menos acertada en cada caso, pero aquí interesa en realidade facer unha parada momentánea e botar unha ollada ao noso entorno, a nosa situación no mundo e á interacción coa Terra sobre a que vivimos para reflexionar sobre o grado de saúde do que, supostamente, gozamos.

Faise interesante, aínda que teñamos esa idea intuitiva sobre o que supón que unha persoa este enferma, usar as definicións de saúde e enfermidade de organismos como a OMS [1] ou simplemente de algún dicionario xeral común:

Saúde: Estado no que o “ser” exerce normalmente todas as súas funcións. Bo estado e funcionamento do organismo, segundo a DRAG.
Enfermidade: Alteración, máis ou menos grave, do estado de saúde. Mal funcionamento dos órganos dun ser vivo ou das funcións destes órganos.

Oficialmente, gozamos de un estado privilexiado de saúde, tanto na Galiza coma no resto de Europa, e só se debe preocupar por multitude de enfermidades toda aquela persoa que vive fóra da chamada “civilización”, mundo industrializado occidental [2].

Aquí, no centro do mundo, vivimos protexidas polo traballo da Ciencia, punta do Everest da evolución, que implica: un total coñecemento das leis naturais; posibilidades infinitas de manipulación do noso entorno baixo condicións controladas; aplicacións tecnolóxicas que nos facilitan a vida; e, como non, unha industria farmacéutica onde o seu único obxectivo é salvagardar a saúde da poboación mundial, entre outras moitisimas consideracións que serán tratadas en breve.

Non debemos dubidar desta nova relixión dos séculos XX e XXI, a Ciencia, porque ela está aquí para salvarnos. Amén. Pouco importan que en nome da Ciencia e da evolución se aniquilen centos de formas de coñecemento indíxena, con miles de anos de tradicións herdadas e cunha cultura propia asasinada no nome do novo Deus. Pouco importa tamén que a Ciencia sexa a punta de lanza do sistema económico mundial, que provoca desastres coma os da planta nuclear de Chernobyl [3], os da planta de Union Carbide de Bhopal [4], as malformacións dos bebés da talidomida [5], ou Hiroshima, todos diferentes, todos similares. Gastaríamos demasiado papel e esforzo en enumerar e describir todas aquelas accións que a Inquisición Científica ten levado a cabo para axustizar a infieis da nova secta mundial. Accións que, por outra banda, sobra dicir que sempre foron levadas a cabo, e así o seguen sendo, pensando no benestar global das persoas que (mal)habitan o planeta.

Pero, parémonos un anaco a analizar brevemente os grandes avances que foron posibles gracias á evolución científica e tecnolóxica na civilización, e que son os grandes responsables de que gocemos destas cotas tan elevadas de saúde.

As nosas terras de cultivo deixaron de ser traballadas polos núcleos familiares (con criterios bastante próximos á permacultura [6]) conforme ao tradicional coidado do campo, rotacións de cultivos, utilización de residuos orgánicos caseiros (compostaxe [7]), etc... Gracias á ciencia, os insecticidas e pesticidas conseguíase maiores e máis rápidas producións de alimentos. A evolución destes produtos químicos artificiais provocaba cambios nas formas de cultivo, e incluso na propia produción alimenticia de forma que pequenas explotacións caseiras de alimentos destinados ao auto-abastecemento se reconvertían en grandes campos de monocultivo. A investigación científica conseguía incluso chegar a producir alimentos sen necesidade de ser plantadas sementes en terra fértil, senón en substratos artificiais ou en “camas de auga” [8].

Por outra banda, a destrución da produción familiar de alimentos e a explotación e roubo de recursos [9] á que se viu sometida grande parte da humanidade séculos atrás ate os nosos días provocou grandes epidemias de fame (perda de soberanía alimentar [10]). Para paliar este problema mundial, a biotecnoloxía [11] ábrese paso nos ámbitos agrícolas e eríxese como salvadora dos males da humanidade, ofrecendo os seus produtos de investigación para acabar coa fame do mundo [12]: as modificacións de ADN dos cultivos fan que estes sexan máis resistentes aos insecticidas e pesticidas que se comercializan coa propia semente modificada xeneticamente. Así, calquera forma de vida que tente convivir nas proximidades dun campo sementado con transxénicos será destruída, e os alimentos con modificacións no seu ADN crecerán rapidamente e preparados para o consumo. O tratamento da terra con transxénicos é invasor e tremendamente violento co entorno, de forma que non é posible controlar as condicións ás que se verán sometidas terras circundantes con plantacións de transxénicos, e a convivencia con especies tradicionais vólvese imposible.

Ademais, as sementes transxénicas e os correspondentes pesticidas/insecticidas son comercializados baixo patente por industrias que fan negocio gracias á perda de soberanía alimentar debido á introdución dos seus produtos, provocando efectos nunca pensados sobre a poboación, como as grandes taxas de suicidios rexistrados no rural da India [13] como exemplo (existen datos similares a estes na zona centroamericana). Esta situación vese agravada pola entrada no reparto do pastel económico das empresas enerxéticas. A evolución do consumo enerxético mundial comparado coa evolución das reservas enerxéticas de combustibles fósiles deu lugar á búsqueda de solucións para que o negocio non correra perigo de desaparición. A solución, de novo, estaba no campo agrícola: actualmente grandes superficies de terra produtiva para alimentos humanos son destinadas a dar de comer e beber enerxéticamente a vehículos [14]. Os campos de gran (como o trigo, o millo e a soia) destinados a producir combustibles para o transporte medran coa mesma rapidez coa que o fan as epidemias de fame planetarias.

Non só as industrias agrícolas, enerxéticas, farmacéuticas e biotecnolóxicas colaboran na evolución da civilización. Xunto a elas, empresas de todo tipo sitúan as súas plantas produtoras ao longo da superficie terrestre para investigar e producir todo tipo de produtos que facilitan a vida moderna. O prezo non só é económico: emisións de gases e evaporación de disolventes na atmosfera, dioxinas, emisións de ozono e freóns, verquidos sólidos, contaminación de acuíferos con metais e disolventes, contaminación do chan con químicos, e un longo, eterno, etcétera. Aínda peor panorama se divisa con aquelas industrias que teñen grandes necesidades de materias primas naturais, de forma que condicionan absolutamente a forma de vida do seu entorno, ao tempo que cambia o ciclo de natural do mesmo. Nin que gastar unha liña máis acerca da industria militar ou da industria cárnica mundial, dúas das máis feroces e máis destrutivas do planeta.

Poderíanse seguir enumerando problemas derivados, directa ou indirectamente, da evolución tecnolóxica na que nos atopamos as persoas “civilizadas” do planeta. Contaminación das enerxías renovables [15], destrución da capa de ozono, morte dos pulmóns do planeta, carreira militar-nuclear, efecto invernadoiro, perigos derivados das plantas de enerxía nuclear, eliminación de economías de subsistencia, destrución dos vínculos sociais tradicionais, individualismo, etc, etc, etc...

¿De verdade gozamos de boa saúde?

Enferma a terra, enferma a auga, enfermo o aire.
Enfermos os animais, enfermas as pratas.
Enferma a sociedade.
Enferma a vida...

Enfermo o mundo para manter con vida, con saúde a economía. Compensa manter vivas as grandes riquezas dun pequeno grupo de persoas no planeta [16] a cambio de tanta enfermidade?

Queda a esperanza, porque, como din na Chiapas Zapatista, “o máis escuro da noite é o instante antes do amencer”.

Na Galiza, colectivos como a Plataforma Galega AntiTransxénicos, Rede Galiza Non Se Vende, Rede Galega de Consumo Consciente e Responsable, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos, e moitos outros con maior ou menor visibilidade loitan por aportar luz á escuridade da noite enferma no corazón da civilización.

[1] Segundo a OMS a saúde é estado de completo benestar físico, mental e social e non só a ausencia de enfermidades.
[2] Para visualizar a occidente fronte ao resto do mundo, basta botar un ollo aos mapas mundiais clasificados por categorías en http://www.worldmapper.org/
[3] En abril de 1986 explotou a central nuclear, con 200.000 Km2 de chan contaminado. http://pt.wikipedia.org/wiki/Chernobil
[4] Emisión de 40 toneladas de gases tóxicos á atmosfera na India, en 1984. http://pt.wikipedia.org/wiki/Bhopal
[5] A talidomida foi subministrada dende finais dos anos 60 a mulleres embarazadas como sedante porque non tiña efectos secundarios, ate que comezaron a nacer miles de bebés con malformacións: http://pt.wikipedia.org/wiki/Talidomida
[6] Deseño de habitats humáns sostibles, mediante o seguimento de patróns de Natureza. http://pt.wikipedia.org/wiki/Permacultura
[7] http://pt.wikipedia.org/wiki/Compostagem
[8] Cabe indicar que se ven a hidroponía é unha antiga técnica agrícola para producir alimentos en ausencia de terra, xa que se lle administran os nutrientes disoltos en auga, na actualidade está tomando maior importancia esta técnica debido ás grandes posibilidades de produción en zonas con chan moi degradado ou contaminado e para grandes zonas de invernadoiros, coma os coñecidos de Almeria e Murcia.
[9] Campaña pola Abolición da Débeda Externa: ¿Quén debe a quen?: http://www.quiendebeaquien.org/
[10] Iniciativa pola Sobería Alimentar dos Pobos na Galiza: http://soberaniaalimentar.info/
[11] Plataforma Galega AntiTransxénicos: http://galizasentransxenicos.org/
[12] Existen multitude de textos de defensa dos transxénicos, e todos eles teñen como base prioritaria que só os transxénicos poderán producir os alimentos suficientes para alimentar a poboación mundial.
[13] 150.000 suicidios na India nos últimos anos:http://www.diagonalperiodico.net/article3585.html
[14] Os prezos de productos alimenticios básicos aumenta pola demanda destes para fabricar carburante en Europa, mentres moitas persoas quedan sen eles para a súa alimentación en paises produtores. Existe unha grande campaña contra os biocombustibles: http://www.proyectogransimio.org/biocombustibles/biocombustibles.html
[15] Existe certo debate, e en Galiza ten un motivo máis que evidente, sobre a proliferación de enerxías renovables dentro do sistema enerxético actual. A descentralización enerxética, acompañado de redución do consumo, parece a única saída aos diferentes tipos de contaminación que acompañan estas fontes enerxéticas mal chamadas limpas.
[16] Interesante vídeo sobre “A historia das cousas”: http://www.quiendebeaquien.org/spip.php?article956

Sociedad enferma
Miguel Amorós

Forzas Eskizoá:

Nada máis nacer comezan a corrompernos
Laura
Cita
serxio
Versos
Jorge Moro
No nome da ciencia
Sakti

El representante de la Casa de Piensos Compuestos
Pedro García Olivo

Apuntamentos a favor da desviación e da anomalía nesta sociedade enferma
DERRADEIRA CIDADE

Muller terra: a procura da sanación feminina
Fátima Bermejo

Transgênicos nas comunidades indígenas peruanas
Alejandro Argumedo

Naturaleza devastada
Félix Rodrigo Mora

Do que se cría
Matosende

Quiero señalar...
Teresa Rodríguez

GRANDE HOSPITAL MUNDIAL
DAVID BRUZOS

A Pobreza, Unha Enfermidade do Capitalismo
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL

CAPITALISMO, HAMBRE, SALUD
OTTO MÁS

El bastón y la serpiente
Alberto Domínguez

Morte violenta nas beiras do mundo rico
Benito Alonso

We all live in a yellow submarine
Marcos Abalde Covelo

Santísima trindade
MINUX

A limpeza enferma
Manolo Rei

DEL DIARIO DE UN DECEPCIONADO
RAFAEL BECERRA

Impacientes do mundo unídevos!
Emma Dourado

Estamos enfermos ou simplemente non estamos?
Rebeca Baceiredo

Comunicar-se no barulho urbano
antipanfleto

A enfermidade do medo
Eliseo Fernández

Antivirus
Paulo Hortak

Tirado do “Retrato do home civilizado”
Emil M. Cioran

ACHEGAS GRÁFICAS

Colectivo editorial Renderén | colectivo.renderen(a)gmail.com | OURENSE - Galiza