Impacientes do mundo, unídevos!
EMMA DOURADO

A civilización non suprime a barbarie.
Perfeccionaa.
Voltaire


Impacientes do mundo, unídevos! Así remataba, se non lembro mal, un vello panfleto de Sumendi, a asociación pola autoxestión da saúde. A consigna resulta máis urxente ca nunca nos dous sentidos en que era proposta: como crítica das terapias e sistemas sanitarios que convirten ao suxeito en mero espectador da xestión da súa saúde, e como arenga que chama á autorganización, consciente da necesidade de politizar a defensa da nosa saúde, de plantexar unha resposta organizada fronte aos poderes que fan negocio coa nosa enfermidade. De feito, algúns dos fundadores da citada asociación eran auténticos médicos disidentes, que tras unha formación convencional e alopática, descubrían a imposibilidade práctica de sanar dentro do estreito, corrupto e pervertido Sistema Sanitario existente.

Contan que na antiga China imperial, os médicos do Emperador cobraban en tanto este gozaba de saúde, e namentres estivera enfermo non gañaban un patacón. Tal concepción da asistencia médica contrasta coa á lóxica do beneficio que rixe a Farmacracia actual e, atreveríame a dicir, o Sistema Sanitario no seu conxunto.

Non hai moitos anos, contaban os vellos da Baixa Limia, que, de cando en vez, unha avioneta pasaba en voo rasante por riba das súas casas e fincas. Días despois –só os suficientes como para que a praga tivera tempo de estenderse– aparecía un home de maletín vendendo o remedio para esa repentina e estrana peste que ameazaba as colleitas.

Poderiamos buscar mil exemplos desta lucrativa e lutuosa industria da enfermidade que todos coñecemos: na Baixa Limia, na China Imperial, na Amazonia, no meu corpo, no teu ou no deles; e na terra, que é o corpo de todos. A saúde da terra é a nosa saúde, pero a súa enfermidade resulta un negocio moi rendíbel para algúns.

Esta evidencia obriga á unha denuncia rotunda e a unha urxente ampliación da conciencia social respecto da problemática sanitaria. A defensa da nosa saúde e da vida convírtese hoxe máis ca nunca nunha loita política, porque nunca a nosa saúde estivo tan politizada, tan controlada, dada a imposición xeral de Sistemas Sanitarios (sometidos antes que nada ás normativas e á razón do Estado). Mais cómpre que a resposta non sexa só plantexada en medios intelectuais, namentras a masa segue a ser administrada coma un rebaño de pacientes do que só interesan o seu Traballo e o seu potencial de Consumo de terapias e menciñas presuntamente salutíficas.

É crucial que todos comprendamos que moitas das nosas enfermidades veñen inducidas en parte por un xeito de vida que Estado e Capital impoñen no seu beneficio. É verdade que a enfermidade forma parte da existencia e, cando sobrevén naturalmente mesmo debe ser comprendida como un medio de crecemento humano e de expansión da nosa conciencia: a enfermidade natural. Pero é obvio que a nosa enfermidade, se é realmente nosa, non debe ser un negocio para ninguén. Non necesitamos nin tantas enfermidades nin que nolas provoque nin xestione ninguén. Se nos toca, e cando nos toque, queremos enfermar libremente.

A nosa resposta deberá consistir na conquista dun espazo de saúde para todos, saúde que será en si mesma rebelde por canto nace e se desenvolve en medio da civilización enferma. Para plantexar e desenvolver tal resposta urxe reflexionar sobre cal é a orixe das nosas enfermidades, e repasar, sequera superficialmente, algúns deses factores patóxenos da civilización enferma.


Sobrevivir nunha civilización enferma

Somos seres obrigados a interactuar e vivir nun medio social, e cada vez son máis os médicos que esixen unha maior atención ao contexto social no que se orixina a enfermidade. Moitas delas veñen favorecidas por un xeito de vida (como chaman eles ao caos e miseria na que nos fan sobrevivir) que, cando non mata inmediatamente, debilítanos, predispónnos a enfermar. O estrés pasa a converterse na primeira causa de fondo das enfermidades nas sociedades avanzadas, nas que ata os anuncios publicitarios véndennos continuamente remedios cos que minimizar o nocivo impacto deste ritmo de vida que o Sistema nos impón mesmo coma proba de éxito: que se o estrés, as defensas, a ansiedade… Pero obviamente non fai falla que nolo digan, pois como mellor o constatamos é ao experimentalo no propio corpo: como me sinto baixo o imperio do Traballo Asalariado e como me sinto cando descanso? (Ía dicir en vacacións, pero xa se encarga o Sistema moitas veces de convertilas tamén en produtivo estrés).Cantos dos nosos problemas de saúde melloran ou ata desaparecen simplemente co descanso?

Está demostrado que as nosas células aproveitan o repouso para depurarse. É entón cando descargan as sustancias tóxicas no sangue para a súa posterior eliminación do organismo. Un excesivo nivel de actividade prolongada e o agotamento conseguinte intoxican, e xa que logo, enferman: o Traballo excesivo enferma.

E por que, para que, e para quen traballamos tanto? Só para enfermar?!

Sufrimos nas nosas carnes e pagamos coas nosas vidas o estrés ao que se ve abocado o propio Sistema, obrigado por definición a expandirse cada vez máis. Encarnamos o Seu estrés, e chegamos a identificarnos con el pensando que ese é o modelo de vida pleno: Que gusto isto de traballar tanto! Que se a ansiedade, a depresión, o insomnio, a carretera, o banco, as rebaixas, as fugaces vacacións…


Amar nunha sociedade odiosa

Pero non só é unha cuestión de ritmo: somos seres esencialmente relacionais que precisamos da comunicación, da expresión e vivencia das nosas emocións. Sen embargo, a civilización péchanos na nosa gaiola individual, aíllanos, afástanos das relacións necesarias para a nosa realización persoal, que, cando se manteñen, quedan ben recuperadas, sometidas a un control económico e mediático tan sutil como efectivo de cara ao noso estresamento produtivo.

Un factor que cada día está a ser máis recoñecido –polo momento só nas capas máis acomodadas e en medios non mediatizados– é o emocional: vaise comprendendo que os conflictos e a represión imposta polo sistema patriarcal acaban por somatizarse na forma de alteracións orgánicas moi variadas. E así, a terapia física convencional vese obrigada a acompañarse con traballo emocional, que demostra mellorar ou erradicar a patoloxía.


Respirar nunha civilización afogada

Sabido é de todos que o tabaquismo constitúe unha das principais causas de morte en todo o mundo. Nada abundaremos pois no tópico. Os moitos cartos investidos en campañas para a súa prevención e erradicación non son menos que a hipocrisía despilfarrada polo Estado, que despois de advertirnos do malo que é, ingresa grandes cantidades en impostos pola venda desta droga legal.

Os estudos demostran a enorme influencia da contaminación atmosférica sobre a saúde das persoas (factor decisivo na orixe de alerxias, asma, bronquite, cancro, perda da calidade do semen, etc.), e aínda que os seus efectos resultan pandémicos, as iniciativas estatais para erradicala ou sequera reducila son cousa para a galería: nada se fai para pechar térmicas como a de As Pontes (que emite altísimas cantidades de gases contaminantes, moitos deles de efecto invernadoiro), nada para limitar o envelenamento do ar das cidades, nada para favorecer unha mobilidade e transporte limpos. Nada máis que cobrar para que os ricos poidan contaminar.


Alimentarse no supermercado mundial

Alén dos escandalosos casos de crises alimentarias coma o das vacas tolas ou o da gripe aviar, atopar alimentos nutritivos e plenamente sans resulta cada día máis difícil no supermercado global. Os sistemas de produción agrícola e gandeira, rendidos tamén á lóxica do beneficio, incorporan todo tipo de sustancias de dubidosa inocuidade na nosa cadea trófica: fertilizantes, praguicidas, antibióticos etc. O abuso deles, e o consumo xeralizado na nosa sociedade de aditivos e alimentos de mala calidade e con altos índices de toxicidade (graxas hidroxenadas, conservantes, produtos refinados etc), debe de ter algo que ver coas nosas irracionais enfermidades.

Cómpre non esquecer unha ameaza de imprevisíbel alcance: a legalización de explotacións piloto e a introdución de alimentos modificados xenéticamente (transxénicos) na nosa terra e na nosa bolsa da compra, mesmo ás agachadas e sen que a xente en xeral acabe de enterarse, constitúe outro factor de risco e incertidume para a nosa saúde.


Sobrevivir ás drogas nunha sociedade drogadicta

Crear a adición e a dependencia son claves para o negocio do narcotraficante. Para iso precísase que dende pequeniños asumamos que para cada malestar hai unha pastilla; os medicamentos son a primeira droga que nos metemos no corpo.

Se evitamos a manipulación dominante, que considera como droga só certas sustancias ilegais, e botamos unha ollada obxectiva e descolonizada, atoparemos trapicheo por todas as partes. Porque moitas son as drogas que circulan neste picadeiro global: legais e prescritas, ilegais e proscritas. Drogas baixo as pontes ou nos túneles, nos picadeiros municipais, na tele (e como a tele), no bar e na escola, nas comisarías e nos xulgados, na consulta dos médicos e ata na igrexa; drogas na cociña, no baño e na mesiña de noite… Nunca tanta droga houbo! Nunca tanto drogadicto!

A utilización que se fai hoxe dos medicamentos, como as propias autoridades sanitarias recoñecen, resulta abusiva. Este abuso non obedece só a unha inducida compulsión pastilleira de boa parte da poboación, senón ao interese mercantil cínico e concreto. As industrias farmacéuticas gastan millóns en propaganda para vender miles de medicamentos diferentes, cando hai voces que defenden que con só douscentos ou trescentos abondaría.

Ilustrativa desta proliferación medicamentosa, á par que un bon exemplo da fabricación de enfermidade, é a práctica coñecida como moungering. As empresas farmacéuticas, unha vez descuberto un fármaco que favoreza a erradicación dalgún síntoma concreto (que en moitos casos pode ter notábeis efectos secundarios), proceden á súa comercialización específica, previa patoloxización do síntoma citado. Deste xeito, parecido á masiva proliferación de bruxas que seguiu á aparición do Tribunal da Inquisición, moitos rasgos fisiolóxicos (que non suporían en si mesmos ningún problema de saúde), pasan a ser convertidos en patoloxías dende o momento en que aparece o seu remedio coa finalidade primeira de venderse. A publicidade e a industria encargaranse de inducir unha percepción patolóxica por parte da poboación. Quen se atreve a ficar completamente san?

O negocio do moungering entraña consecuencias nefastas para a nosa saúde en dous rexistros básicos: dunha banda, na medida en que favorece a conversión de moitos dos nosos rasgos fisiolóxicos en enfermidade (a caída ou perda de cabelo pasa a convertirse nunha alopecia susceptíbel de tratamento médico); por outra, no que atinxe á saturación de medicamentos comercializados e non estritamente necesarios que, conseguintemente, implican un aporte tóxico excedente para os nosos corpos.

Vivir en paz na guerra global permanente

De xeito similar ao que acontece a nivel xeopolítico coa Paz Mundial ou a Seguridade Colectiva, sempre ameazadas por excéntricos gobernantes e por terroristas organizados, os nosos organismos parecen soportar un estado de guerra permanente. Predomina a visión que convirte a enfermidade, e mesmo a nosa vida, nun permanente combate antimicrobiano: fóra dos nosos corpos existen unha serie de perigosísimos seres que ameazan constantemente a nosa saúde; por iso cómpre deseñar medicamentos cos que matalos antes de que nos maten a nós.

De igual xeito que a paz é reducida a pacificación e control do inimigo, a saúde transfórmase en control da enfermidade, e na guerra sanitaria os medicamentos son as armas. Como se dunha lista de países terroristas se tratara, establecese unha relación de virus e bacterias capaces de evolucionar para ameazarnos permanentemente, e dos que precisamos defendernos con medicamentos frecuentemente moi agresivos e tóxicos, cun amplo espectro de efectos secundarios (danos colaterais), que, claro, non se regalan.

Esta concepción dominante da enfermidade ilustranos sobre a intención política de proporcionarlle unha identidade abstracta e autónoma para presentarnos os Sistemas Estatais de Sanidade coma a nosa mellor defensa, de xeito que o Estado Sanitario pase a ser percibido coma un sistema de seguridade colectiva.

Fronte á teoría da infeción (a da conspiración e ameaza constante, o estado de guerra permanente), cómpre plantexar a práctica da desintoxicación (que se corresponde coa interdependencia e o equilibrio).

Se facemos un rápido exercicio de reflexión para plantexarnos cales destes factores proceden dunha determinada e insana conduta individual e cales derivan de circunstancias ou condicións impostas administrativa e sistémicamente, o resultado pode ser moi clarificador: quen e por qué quere que enfermemos?

E a partir desta reflexión precisamos abordar a sanación: logo que significa “curarse”.

Se a meirande parte das enfermidades son políticas, a nosa resposta deberá consistir, antes que nada, nunha firme aspiración a emanciparmos do Sistema de Saúde, do control e do sometemento da nosa vida á rendibilidade enferma. Deberá converterse, xa que logo, na denuncia desta interesada fabricación de malestar e nunha vida o máis desmarcada posíbel tanto da Terapia do Poder como da súa necesidade.

Como saír do círculo da enfermidade? Como transformar unha civilización enferma? A resposta deberá construirse colectivamente, pero algúns riscos, non por obvios menos perigosos, deben conxurarse. A resposta non debe ser ficar na Súa enfermidade renunciando á Terapia do Poder, por máis cómoda que aquela, paradoxalmente, se nos poida presentar, nin “aspirar a” unha presunta saúde persoal e privada.

Facer da enfermidade unha arma de denuncia pode ser un paso, en tanto sexamos quen de lograr tanto que sexa remitida radicalmente á súa verdadeira dimensión social, como de demostrar a súa “artificialidade”. Como a verdadeira mediciña, sabedora de que sempre é a propia natureza a que cura, debemos procurar remedio nesta, na que todos vivimos na máis natural interdependencia. A resposta debe ser hoxe máis política ca nunca: a de estarmos sempre xuntos. Abandonar as fantasías creadas polo Poder dunha saúde e/ou enfermidade administradas e privatizadas, para abrirnos a unha saúde e enfermidade comunitarias e auténticas, holísticas, libres dos intereses e a alienación dunha civilización enferma.

Cando un é despedido, todos somos despedidos; cando un é encadeado, todos somos encadeados; cando un enferma, todos enfermamos. Xuntos enfermamos, xuntos sanamos.

Así pois: IMPACIENTES DO MUNDO, UNÍDEVOS!!

Sociedad enferma
Miguel Amorós

Forzas Eskizoá:

Nada máis nacer comezan a corrompernos
Laura
Cita
serxio
Versos
Jorge Moro
No nome da ciencia
Sakti

El representante de la Casa de Piensos Compuestos
Pedro García Olivo

Apuntamentos a favor da desviación e da anomalía nesta sociedade enferma
DERRADEIRA CIDADE

Muller terra: a procura da sanación feminina
Fátima Bermejo

Transgênicos nas comunidades indígenas peruanas
Alejandro Argumedo

Naturaleza devastada
Félix Rodrigo Mora

Do que se cría
Matosende

Quiero señalar...
Teresa Rodríguez

GRANDE HOSPITAL MUNDIAL
DAVID BRUZOS

A Pobreza, Unha Enfermidade do Capitalismo
GRUPO DE AXITACIÓN SOCIAL

CAPITALISMO, HAMBRE, SALUD
OTTO MÁS

El bastón y la serpiente
Alberto Domínguez

Morte violenta nas beiras do mundo rico
Benito Alonso

We all live in a yellow submarine
Marcos Abalde Covelo

Santísima trindade
MINUX

A limpeza enferma
Manolo Rei

DEL DIARIO DE UN DECEPCIONADO
RAFAEL BECERRA

Impacientes do mundo unídevos!
Emma Dourado

Estamos enfermos ou simplemente non estamos?
Rebeca Baceiredo

Comunicar-se no barulho urbano
antipanfleto

A enfermidade do medo
Eliseo Fernández

Antivirus
Paulo Hortak

Tirado do “Retrato do home civilizado”
Emil M. Cioran

ACHEGAS GRÁFICAS

Colectivo editorial Renderén | colectivo.renderen(a)gmail.com | OURENSE - Galiza